O fútbol sala engancha. Os máis de mil afeccionados que onte se deron cita no pavillón de As Travesas para presenciar en directo o debut do Celta Fútbol Sala en División de Honra, a pesar de que a hora era moi mala (as catro da tarde), deben terse convertido xa en incondicionais do equipo de Gustavo Monteiro. A bo fe que non faltarán, salvo causa de forza maior, a ningunha das citas do equipo nesta tempada.
E é que onte puideron presenciar un auténtico espectáculo de xogo, un partido intenso e emocionante ata o bocinazo final, e un festival de goles que acabaron dándolle a primeira vitoria da Liga ao equipo local.
Ninguén se imaxinaba cando faltaban dous minutos para o final que o equipo vigués acabase gañando o encontro. O Móstoles, un dos candidatos a codearse cos mellores equipos do mundo, ía gañando por 3-5, pero os dous minutos finais foron extraordinarios. En tres accións case consecutivas, os celestes déronlle a volta ao marcador con disparos de Indiao, Gustavo Marques e no último segundo Purao ao finalizar unha acción colectiva.
Foi o colofón a un encontro eléctrico de principio a fin. Saad aproveitou unha xogada de estratexia para marcar o primeiro gol da tempada para o Móstoles. Pero a motivación dos celestes impediu que se viñesen abaixo e foi Indiao, un dos xogadores con máis clase da Liga, quen rompeu o xeo cun golpe franco directo. Gustavo Marques adiantou ao Celta ante o seu ex-equipo ao roubar un balón e mandar un zurdazo que sorprendeu a Sedano. Tras empatar Javi Limones, foi Daniel quen volveu adiantar aos locais.
O segundo tempo dominárono os madrileños, pero a casta dos celestes conseguiu que os primeiros puntos quedásense en casa.